Código Ético

Portada » Código Ético

Ética e principios

ASPADEX cre na persoa en nas súas capacidades, na corresponsabilidade de tódolos membros da organización, e na rentabilidade social como elemento xerador de riqueza que se reinvirte na propia entidade e na comunidade.

Os nosos principios, valores e normas son acordes ó código ético de PLENA INCLUSIÓN, concretado nunha serie de actuacións prácticas que rixen o noso día a día.

Código Ético de Aspadex

  1. Falamos cun tono de voz axeitado, sen elevar a voz. Achegámonos ás persoas para falar con elas ou para dar instrucións. Non damos berros dun lado a outro do obradoiro, ou da sala, ou polos corredores. Ademais, comprobamos que a persoa entendeu o que lle dixemos.
  2. Chamamos ás persoas polo seu nome. Non están permitidos os alcumes ou as etiquetas que non sexan aceptadas pola persoa ou pola familia. Trataremos aos usuarios sempre dun xeito acorde á súa idade real. Damos sempre mensaxes positivas e construtivas. Reforzamos actitudes de compañeirismo, así como as cousas ben feitas e ensinamos (non criticamos) a mellorar as demais. Evitamos facer comentarios negativos ou correccións diante doutras persoas. Evitamos falar diante da persoa coma se non estivese presente. Evitamos falar de uns usuarios en presenza doutros. Respectamos o dereito á confidencialidade dos datos e a lei de protección de datos.

Respectamos o dereito á intimidade e os bens dos usuarios. Por exemplo, as portas dos baños estarán sempre pechadas cando se estean a usar; non entraremos en espazos privados sen chamar e avisar; informaremos ás persoas e pediremos a súa autorización para coller obxectos persoais, etc. Temos en conta e asesoramos nas necesidades afectivo-sexuais dos usuarios. As mostras afectivas entre usuarios dirixiranse a espazos e horarios fóra de obradoiros e actividades; explicarémoslles que estamos buscando respectar a súa intimidade.

  1. Teremos en conta a opinión dos usuarios (dar a elixir antes que impoñer). Se é necesario, reorganizaremos tarefas, horarios, etc., para respectar a opinión dos usuarios. Buscaremos sistematicamente oportunidades ao longo do día nas que poidan facer eleccións, tomar decisións, así como para fomentar distintos tipos de aprendizaxes.
  2. Anticipamos a información sobre o que vai ocorrer: que se vai facer, con quen, onde, como, etc. Dámoslles sempre unha información transparente, adaptada e veraz, sen influír nas súas opinións e crenzas.
  3. Supervisaremos especialmente a hixiene íntima dos usuarios. Estableceremos frecuencias personalizadas de supervisión e cambio de cueiro, compresa, etc., evitando que permanezan sucios, tamén procuraremos que os usuarios estean correctamente hidratados.
  4. Respectamos os seus ritmos de aprendizaxe ou de realización de actividades; non temos présa, deixamos facer antes de facer por eles.
  5. Axudaremos no acceso ao transporte ás persoas con problemas de mobilidade; supervisaremos o lavado de dentes, e en xeral apoiaremos todas as actividades xerais nas que as persoas poidan necesitar apoios.
  6. Estableceremos apoios personalizados para cada usuario e encargaremonos de prestar e facer que se presten os apoios necesarios, fomentando aquelas actividades que favorezan a inclusión social optando pola oferta comunitaria e lugares habituais de lecer, sempre que as súas capacidades o permitan. Organizaremos de forma axeitada e funcional a nosa xornada de traballo para non interferir na atención que están a dar outros profesionais.
  7. Somos un modelo para os usuarios, polo que debemos actuar en consecuencia, tendo en conta que aprenden observándonos. Poñeremos en coñecemento da dirección calquera incumprimento deste decálogo, porque entendemos que traballamos por e para as persoas con discapacidade da organización, e temos que ter claro que teñen a mesma responsabilidade os que incumpren que os que ven que se incumpre e o permiten.
Código ético ASPADEX